(Alén, Lalín, Pontevedra, 1947) Catedrática de Lingua e Literatura do IES Ágora de Alcobendas, é poeta, ensaísta e tradutora galega cuxa obra literaria xermolou tanto en español como en galego, a súa lingua materna. Entre 2002 e 2009 coordina, con Guadalupe Grande, o Centro de Estudios de la Poesía de la Universidad Popular “José Hierro” de San Sebastián de los Reyes. En español destacan, entre outros, os seus poemarios El pájaro mudo (I Premio Internacional de Poesía Ciudad Santa Cruz de La Palma, 1990) e La marca de los potros (XXIV Premio Hispanoamericano de Poesía Juan Ramón Jiménez, 2004), así como a súa participación en obras colectivas como Pánica segunda (2004), Y el verbo se hizo carne (2005), Agua, símbolo y memoria (2006) ou Jardín en llamas (2006). Como escritora galega, gaña o Premio Esquío de poesía en 2006 con Casa pechada e participa en diferentes volumes colectivos como To The Winds Our Sails (2010, tradución do galego ao inglés) ou Hipnotopía en doses pequenas (2013). Traduciu ao galego El corazón no muere de Fernando Beltrán (Momentum ediciones 2010). Como ensaísta escribiu Writting Bonds (Irish and Galician Contemporary Women Poets, Peter Lang, 2009) e Poesía en la escuela (La sombra del membrillo, 2008), entre outros títulos. Recentemente vén de publicar unha reedición do seu Casa pechada xunto a unha reformulación literaria (Cativa en su lughar) do mesmo empregando como lingua de tradución o castrapo (Ed. Progresele, Col. Diminutos salvamentos 2013).
Luz Pichel