Roberto Pascual
(O Carballiño, 1981) Profesor e xefe de estudos da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galiza e director da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia. Licenciado en Filoloxía Galega e posgraduado en Arte Dramática, formouse tamén na Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte dos consellos de redacción de Madrygal. Revista de Estudios Gallegos (Madrid, UCM) e de Revista Galega de Teatro (Vigo) e dirixe a colección Abrente de Teatro na ed. Difusora. Foi profesor de galego no Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense de Madrid. Na súa produción editorial destacan Palabra e acción. A obra de Manuel Lourenzo no sistema teatral galego (Tris-Tram) 25 anos. Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (Difusora), Alén. Xaime Quintanilla (Galaxia) ou Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro (Xerais). Membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega e da Asociación de Directores de Escena de España, ten impartido conferencias e cursos en distintas universidades e congresos.
Saxo tenor, entre dúas etapas creativas do artista escénico Roberto Vidal Bolaño
Coa decisión da Real Academia Galega de adicar as Letras deste 2013 á figura dun artista escénico global coma Roberto Vidal Bolaño, temos diante a posibilidade de divulgarmos, dun xeito amplo e comprensible, para todas as idades e intereses, as profesións vinculadas coa produción teatral, que tanto contribuíu a dignificar e a modernizar o autor, director e iluminador de Saxo tenor. Debuxou coa súa voz, falou con máscaras, coa forza expresiva do corpo e dos ritmos populares, das técnicas audiovisuais, deseñou espazos nos que concitou a heroes e mitos do pasado ou desagraviados e silenciados do presente. Inconformista, polémico, ocupado en oficiar en cada función a máis fresca e vibrante liberdade da acción dramática. Falaremos pois das profesións do teatro, do teatro galego contemporáneo, da autonomía, da época de Abrente de Ribadavia, veremos escenas de Saxo tenor e falaremos do nacemento e das intencións da empresa Teatro do aquí, das preocupacións estéticas e ideolóxicas do noso meirande artista escénico.