(Ouzande-A Estrada, Pontevedra, 1955). Mestre e escritor residente en Madrid, ten unha importante bibliografía tanto no eido da narrativa como da poesía e o ensaio. Participou, entre outros, nos libros colectivos Intifada (Fundación Araguaney 1989 e 2003), Homenaxe a Miguel González Garcés (Deputación da Coruña, 1991), Comercial (Río Xuvia Edicións 1998), Muller de doce sal. Homenaxe a Inés Canosa (vtp 2000), 47 poetas de hoxe cantan a Curros Enríquez (Xerais 2001), O trazo aberto (Deputación de Pontevedra 2002), Narrativa Contemporánea Tabeirós-Terra de Montes (Edicións Fervenza 2005), Poesía Contemporánea Tabeirós-Terra de Montes Montes (Edicións Fervenza 2005), Pontevedra Literaria (Concello de Pontevedra 2007), A cidade na poesía galega do século XXI (Ed. Toxosoutos 2011), Bilbao. Antoloxía bilingüe (Ed. Amargord 2012) e Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega. Apuntes para no disolverse en la común semilla del tiempo (E. Endymión 2012). Coordinou, xunto con Vicente Araguas, a edición de En tránsito. Poesía galega en Madrid (Ediciós do Castro 2001). No ámbito da narrativa, gañou a 9ª edición (1992) do premio de relatos Casa de Galicia en León por Día de inverno; e en 1999 concedéronlle un accésit no concurso Modesto R. Figueiredo pola narración Sobremesa (Ediciós do Castro 2001; mención no mesmo concurso pola obra Día de praia, Ediciós do Castro 2004). De xeito individual publicou os poemarios Poemas de cinza (Edición do autor 1990), Todo morte (Edicións Río Xuvia 1998, reed. en 2006 por Ediciós do Castro), Rosa íntima (Espiral Maior), Inventario de fragmentos (Libros da Frouma 2001), co que conseguiu o premio Rosalía de Castro, na modalidade de galego, da Casa de Galicia en Córdoba; Libro das viaxes (Editorial Litoral das Rías 2003), Tatuaxes (Ed. Follas Novas 2011, trad. ao castelán en Amargord 2013) e o poemario bilingüe Interior con froiteiro e feridas / Interior con frutero y heridas (Aqua, Zaragoza 2012). No campo da prosa publicou Traxectos curtos (Editorial TresCTres 2005), Días do final (Galaxia 2007) e Malas cartas (Biblos 2010).
Manuel Pereira Valcárcel