Xosé Manuel Fernández Castro
Escritor e docente galego. Licenciado en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela, prosegue estudos de posgrao na Universidade da Coruña, onde obtén os títulos de Experto en Estudos Teatrais e de Doutor en Estudos Lingüísticos e Literarios do Galego e do Portugués cunha tese sobre a obra dramática de Roberto Vidal Bolaño. Desde a fundación da TVG traballa durante unha década como dialoguista, actor e director de dobraxe (Premio San Dalmacio). Nese período será presidente fundador da Asociación Cultural CAOS, para a que escribirá varios guións. Nos últimos quince anos ten publicado varias ducias de traballos no ámbito da dramaturxia galega. É funcionario do corpo de Profesores de Ensinanza Secundaria de Galiza na materia de Lingua Galega e Literatura. A inspección educativa concedeulle a creación dunha materia optativa de Expresión Teatral que imparte desde o curso 2008-2009.
Desde hai varios anos compatibiliza a docencia e a didáctica (no exercicio da pedagoxía teatral obtivo o premio Barriga Verde de textos teatrais 2005) coa investigación e edición literaria. Vén de publicar tres libros relacionados directamente coa celebración das Letras Galegas 2013: A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño (Ed. Laiovento 2011) e Roberto Vidal Bolaño. Obras completas. Vol. I: Integral, Animaliños, Anxeliños!, Criaturas, Rastros, Saxo Tenor | Vol. II: Mar revolto, A burla do galo, Doentes, As actas escuras, Días sen gloria, Agasallo de sombras (Ed. Positivas 2013). Estes dous últimos volumes constitúen as dúas primeiras entregas do magno proxecto editorial, en coautoría con Paco Macías, das obras completas de Roberto Vidal Bolaño (6 vols.).
Foto: José Manuel Trigo
A obra dramática de Roberto Vidal Bolaño
Tras unha brillante carreira artística desenvolvida durante o derradeiro cuarto do século XX, e apenas unha década despois do seu pasamento, Roberto Vidal Bolaño (Compostela 1950-2002) convértese no autor dramático máis recoñecido no seu sistema literario e en símbolo da escena do seu país ao dedicárselle o Día da Letras Galegas de 2013, colofón póstumo a unha carreira inzada de éxitos. Atopámonos ante unha referencia imprescindible, chamada a ser matriz e fío narrativo dun insólito fenómeno cultural colectivo: a inclemente procura, e conquista, dunha poética teatral propia baixo a forma dunha dramaturxia épica inconfundiblemente galaica, enraizada nas expresións parateatrais atávicas, e de absoluta actualidade, mesmo profética, consciente dun devir histórico que encontra o presente no pasado e viceversa. Autor, actor, director, iluminador, escenógrafo, crítico, empresario, dinamizador, activista, mestre, polemista ou paladín da dignidade, a súa polifacética vocación teatrista só é comparable coa ambición do seu proxecto literario
A edición completa das obras de RVB
Cómpre poñer ao alcance da maioría do público (galego) a rica contribución de Roberto Vidal Bolaño ás letras, o que se traduce en sacar do esquezo os seus inéditos e en reunir os restantes textos descatalogados ou dispersos. Xorde de aí a necesidade de publicación das obras completas do autor. Tras diversas tentativas infrutuosas, a incorporación ao plan por parte de Edicións Positivas en novembro de 2011 supuxo un cambio de tendencia que se traduciu nun proxecto que se reorientará tras a decisión académica de dedicarlle ao autor o Día das Letras Galegas. No pasado mes de abril saíu do prelo o segundo dos seis tomos en que se organiza o deseño. A crítica vén destacando a ambición e a pulcritude da proposta. Agora poderemos coñecer a metodoloxía seguida polos seus editores.
Anxeliños!
O Centro de Documentación do INAEM non desaproveitou o paso por Madrid da versión en castelán de Anxeliños! para deixar constancia audiovisual do evento. Grazas a iso consérvase un documento que nos permite analizar a formulación da poética épica galaica de Vidal Bolaño. Con ese obxecto visualizaremos varios fragmentos de gravación que amosan as claves da versión bolañesa que traduce as categorías do teatro de Brecht seguindo o vieiro que iluminara Walter Benjamin e que se mantén vixente tres cuartos de século despois. A análise está enmarcada nun proxecto do CDG titulado "Vidal Bolaño recuperado, citas audiovisuais".